NÓS (A historia de Galicia)

NÓS (A historia de Galicia)

Un grupo de nómades primitivos chegan ao fin da terra coñecida, un lugar verde onde non para de chover, e por algunha misteriosa razón, deciden deixar de ser nómades e quedarse a vivir alí.

E desde aquel día ata hoxe, NÓS repasa a historia de Galicia relatando cronoloxicamente todas as etapas polas que fomos pasando.

NÓS aborda con humor e rigor histórico os primeiros asentamentos neolíticos, a orixe do minifundio, a cultura castrexa, a romanización, o reino suevo, as revoltas irmandiñas, os séculos escuros, o rexurdimento, e moitos máis acontecementos que marcaron a nosa historia e fixeron de NÓS o que somos.

NÓS é un espectáculo para todos os públicos que aborda desde o humor e o rigor histórico a historia de Galicia desde os primeiros poboadores ata a actualidade.

A través das dramatizacións, NÓS ofrécelle ao espectador contemporáneo a posibilidade de ver ante si como os primeiros habitantes de Galicia tentaban domesticar animais salvaxes, como eran as clases de romanización na Gallaecia , como eran as oposicións para os postos da nobreza en Galicia nos tempos dos reis católicos ou como os galegos e as galegas inventaron a guerra de guerrillas para botar aos invasores franceses de Galicia.

NÓS tenta unir didáctica e entretemento. Que a xente coñeza a nosa historia e á vez se divirta mentres o fai. Para levalo a cabo, conta por unha parte con asesoramento de profesionais para ter a seguridade de transmitir con rigor a parte histórica, e pola outra, cun elenco de demostrada experiencia e solvencia no campo da interpretación, e máis especificamente, da comedia, para realizar con total garantía a parte escénica.

E iso é NÓS. A nosa historia en escena. Para ver, para rir e para aprender, sexa á idade que sexa.

 

 

Título: NÓS (A historia de Galicia)

Elenco: Esther Aja, Jouse García e Xoque Carbajal

Autor: Jose Prieto

Director: Marcos Orsi

Creación musical: Bernardo Martínez

Escenografía e Vestiario: Carlos Alonso

Productor: Xoque Carbajal